Pesquisar neste blogue

quarta-feira, 30 de maio de 2012

EXENCIÓNS FISCAIS Á IGREXA. MOCIÓN para presentar para debate no Concello



 O déficit que España ten e a caída da actividade económica, é consecuencia dunha inadecuada xestión das institucións públicas, do espolio desenvolvido polos mercados, os especuladores e os bancos, da permisividade para a circulación de diñeiro negro e pola enorme fraude fiscal existente, todo iso recae, exclusivamente, sobre as costas da cidadanía, que sofre: un agoníco paro, aumento da pobreza, perigosos recortes de innumerábeis e básicos dereitos sociais, o aumento do IRPF, xunto á baixada unilateral dos salarios e o aumento de diversos impostos, incluído o imposto de bens inmobles (IBI) (o RDL 20 de 30.12.11 de medidas urxentes en materia orzamentar, tributaria e financieira para a corrección do déficit público, insta ás Corporacions Locais a unha suba do IBI de entre o 4 e o 10%).

Esta irregular situación, agrávase coas exencións fiscais das que gozan diversas entidades, en especial a igrexa católica (que é a maior posuidora de bens inmóbeis) ou Telefónica..

 O 3 de xaneiro de 1979 asinábase na Cidade do Vaticano un conxunto de acordos entre o Estado Español e a Santa Sé que configuran o coñecido como Concordato coa Igrexa Católica por medio do cal o Reino de España regula as súas relacións con esta confesión relixiosa. No terreo fiscal exclúese á Igrexa de impostos sobre a renda (IRPF) e sobre o consumo (IVE,...), de pagar contribucións urbanas polos seus edificios, de pagar impostos reais sobre a renda e o patrimonio, ademais de estar totalmente exenta do imposto por doazóns e sucesións (sendo deducíbeis do IRPF os bens doados á Igrexa).

Así ,todos os cidadáns do Estado contribuen a financiar a Igrexa Católica independentemente das nosas crenzas, os edificios relixiosos son mantidos con diñeiro público, están excluídos de pagar IBI, o seu uso é exclusivo para a igrexa e en todos os centros públicos a igrexa ten voz e voto nos claustros.

A liberdade de conciencia é con todo isto sistematicamente vulnerada, as outras relixións son claramente discriminadas e o laicismo estatal é só un espellismo. "Un estado aconfesional non pode financiar e dotar de privilexios a unha entidade relixiosa", porque esa conduta "é propia dun estado confesional ou clerical".

Aparte desta situación haberia que lembrar que no BOLETÍN OFICIAL DO ESTADO do sábado 31 de decembro de 2011 de medidas urxentes para paliar o deficit público, na DISPOSICION ADICIONAL séptima sobre Financiamento á Igrexa Católica, pódese ler que durante o ano 2012 o Estado entregará, mensualmente, a Igrexa Católica 13.266.216,12 euros, a conta da cantidade que deba asignar á Igrexa por aplicación do disposto nos apartados 1 e 2 da disposición adicional décimo oitava da Lei 42/2006, do 28 de decembro, de Presupostos Xerais do Estado para o ano 2007. Antes do 30 de novembro de 2013, efectuarase unha liquidación provisional da asignación correspondente a 2012, practicándose a liquidación definitiva antes do 30 de abril de 2013. En ambas as dúas liquidacións, unha vez efectuadas, procederase polas dúas partes a regularizar, nun sentido ou noutro, o saldo existente.

 Isto que significa?  Pois simplemente que todos os cidadáns soportamos sobre as nosas costas os efectos das políticas da mal chamada ¨austeridade¨ agás a Igrexa e os grupos sociais con maiores rendas (rendas do capital e non do traballo), e non nos parece xusto.

 Por outra banda, a Igrexa posúe innumerábeis inmóbeis rústicos e urbanos, bens mobiliarios, artísticos e suntuarios de todo tipo mentres o estado lle permite, inxustificadamente, a opacidade das súas contas e patrimonio, así como das operacións e transaccións económicas".

A Igrexa católica "vive nun paraíso fiscal ilexítimo e presuntamente ilegal" e goza de "enormes exencións fiscais", mentres a cidadanía sofre intensamente as desoladoras consecuencias da asfixiante crise económica.

Hai un exemplo que teriamos que comentar, ALBERTO RUIZ GALLARDÓN esixiu en outubro do pasado ano e como alcalde de Madrid que o Estado compensase o municipio por cáseque 100 millóns de euros que deixaba de recadar polas exencións do pagamento do IBI que gozan embaixadas, cuarteis, cárceres e edificios relixiosos. Agora que está no goberno do estado seria hora de que aplicara esta iniciativa ao conxunto dos concellos, que non hai que lembrar que o estan a pasar mal, e facéndollo pasar mal a todos e todas nós. Hai datos suficientes para decir que rematar coa exención á Igrexa pódenlle aportar ao Estado uns 3.000 millóns de euros anuais…

De acordo co anterior, sométese á consideración do Pleno a aprobación dos seguintes:

ACORDOS

 1.- O Concello de Chantada esixe ao Goberno e ás Cortes Xerais, que a través da Lei de Presupostos, que se debate para próximos exercicios, se suprima da Lei de Facendas Locais, a exención do IBI (imposto de bens inmobles rústicos e urbanos) á Igrexa católica e outras confesións relixiosas.

 2- Que se faga un censo, neste municipio, dos bens inmóbeis rústicos e urbanos que están censados e rexistrados a nome da igrexa católica e doutras confesións relixiosas, así como das súas entidades e asociacións afíns.

 3- Que se ínste ao Parlamento español a que se derroguen (ou se incúmpran) os Acordos do Estado español coa Santa Sé, especialmente o de Asuntos Económicos, xa que esta entidade relixiosa os incumpre, obrigando ao autofinanciamento da igrexa católica, como se contempla nos devanditos acordos e consecuentemente a iso se elimine do IRPF (imposto da renda) o ¨cadrado¨ de asignación á Igrexa católica.

 4-Que se ínste ás Cortes Xerais a que se fagan as modificacións pertinentes na Lei de Facendas locais, na Lei de Mecenado e Fundacións e outras normas locais e leis estatais e autonómicas, para evitar inxustificábeis exencións do IBI e doutros impostos á igrexa católica e a outras entidades xurídicas.

terça-feira, 15 de maio de 2012

PLENO EXTRAORDINARIO. 14 de maio

PROPOSTA DA ALCALDÍA:

Considerando que o artigo 10.1 do Real Decreto-Lei 4/2012, de 24 de febreiro, polo que se determinan obligacións de información e procedementos necesarios para estabelecer un mecanismo de financiación para o pago aos provedores das entidades locais estabelece: ¨As entidades locais poderán financiar as obligacións de pago aboadas no mecanismo perante a concertación dunha operación de endebedamento a longo prazo cuxas condicións financieiras serán fixadas por acordo da Comisión Delegada do Goberno para Asuntos Económicos¨. 
(NON LLE DEIXAN AOS CONCELLOS NEGOCIAR DIRECTAMENTE, INVASIÓN DE COMPETENCIAS?).

Cosiderando que con data 29 de marzo de 2012 por acordo do Concello Pleno adoptouse acordo de aprobación do Plano de Axuste ao que se refire o Real Decreto_lei 4/2012. Sendo valorado favorabelmente polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas (HOUBO POLO TANTO QUE PASAR UN EXAME), e en consecuencia autorizada a operación de endebedamento de conformidad eco estabelecido no artigo 7.5 de dito Real Decreto-Lei.

Considerando que a orde PRE/773/2012, do 16 de abril, estabelece as características principais do Acordo da Comisión Delegada do Goberno para Asuntos Económicos para a posta en marcha do mecanismo de financiamento para o pago de provedores das entidades locais, co seguinte detalle:

a) O financiamento máximo por entidade local (incluindo os seus organismos autónomos e entidades dependentes que lle pertencen íntegramente), será da suma de:
Obligacións pendentes de pago recollidas nas relación iniciais remitidas polas Entidades Locais até o día 15 de marzo, e respeito das cales os contratistas, directamente ou a través daquelas, manifesten a súa vontade de acollerse ao procedemento do Real Decreto-Lei 4/2012, de 24 de febreiro.
Obligacións pendentes de pago que consten nos certificados individuais que se remitirán polas Entidades Locais recoñecendo a existencia de débedas con proveedores.
Obligacións pendentes de pago con contratistas que, habendo aceitado a aplicación do citado Real Decreto-Lei 4/2012, estén suxeitos a procedementos de embargo ou de concurso de acreedores.

b) Prazo das operacións. Un máximo de 10 anos con 2 anos de carencia na amortización principal.

c) Tipo de xuro para o prestatario. O equivalente ao costo do financiamento do Tesouro Público aos prazos sinalados máis un marxe máximo de 115 pontos básicos ao que hai que engadir unha marxe de intermediación dun máximo de 30 pontos básicos
(EMPEZOU A UN 5%, A DIA DE HOXE NON SE COÑECE A PORCENTAXE DESTES INTERESES)

d) O Instituto de Crédito Oficial actuará como axente coa colaboración das entidades de crédito que se adhieran ao mecanismo de financiamento. 
(SÓ SE PODERÁN FACER ESTAS OPERACIÓNS CO BBVA, CAIXABANK, POPULAR, SANTANDER E BANKIA)

De acordo cos datos facilitados polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas o importe a formalizar da operación de préstamo é de 2.519.340,10 euros.
(ALGO MENOR QUE A CANTIDADE INICIALMENTE APROBADA NO PLANO DE AXUSTE PORQUE SE ELIMINARON AQUELES PROVEDORES QUE NON ACEITARON ESTA VIA PARA O COBRO DE FACTURAS)

Considerando que o importe dos recursos ordinarios previstos no orzamento do exercicio 2012 ascenden a 4.570.942,93 euros e o importe acumulado das operación de crédito a longo prazo coa inclusión da operación que se proxecta supera o 10% dos recursos ordinarios. De conformidade co estabelecido nos artigos 21.1.f e 22.2.m da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local, a competencia para a concertación da operación de crédito corresponde ao Pleno.

Visto o informe que se emite pola intervención.

PROPOSTA AO PLENO DA CORPORACIÓN:

Primeiro: Aprobar a operación de préstamo excepcional derivada do mecanismo de financiamento para o pago aos proveedores das Entidades Locais, que de acordó coa orde PRE/773/2012, de 16 de abril, son básicamente as seguintes.

a) Importe: 2.519.340,10 euros

b) Prazo. Un máximo de 10 anos con 2 anos de carencia na amortización principal.

c) Tipo de xuros. O equivalente ao costo do financiamento do Tesouro Público aos prazos sinalados máis un marxe máximo de 115 pontos básicos ao que hai que engadir unha marxe de intermediación dun máximo de 30 pontos básicos.

A operación formalizarase con aquela entidade que comunique o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas (IMPOSTO POLO ESTADO) por medio do Instituto de Crédito Oficial.

Segundo: Facultar ao Alcalde-Presidente tan amoliamente e expresamente como en dereito fose necesario para a execución do acordado, asi como para a formalización da operación de préstamo.



ARGUMENTOS DO GRUPO NACIONALISTA .

No Pleno donde aprobamos o plano de axuste dixemos que o decreto que o regula é inxusto para o Concello e polo tanto para toda a cidadanía. Votamos a favor por responsabilidade, para que os provedores puideran cobrar, porque traballamos nél e porque fomos capaces de non tocar un euro do salario dos traballadores e non facendo ningún tipo de recorte en servizos que consideramos básicos como nos Servizos Sociais, mais que se segue a mallar nos de sempre. En poucas verbas, o decreto facíanos daquelas e hoxe, subir polas paredes.

  Daquelas, os intereses rondaban ou máis ben superaban o 5% do valor do crédito... en que valor están hoxe?, segundo resposta de hoxe mesmo ¨NON SE SABE¨, parece ser que nen siquera os bancos os coñecen pero están tranquilos porque van ser moi superiores a ese 5% inicial… Nós a eso chamámoslle ¨máis que usura¨. Máxime cando a bancocracia os recibe a 1% do BCE. O que nos sorprende, alo menos ao noso grupo, é que o podamos aprobar unha proposta así e preocúpanos. Se algún de nós vai a facer unha hipoteca e non lle expoñen o interés ao que a vai financiar, non a aceitariamos, ou sí?. Pódense imaxinar que os poñan ao redor do 10, do 9, do 12 ou do 8%?, tal e como van as cousas, non nos extranaria.

Seguimos a pensar o mesmo de onte, de antonte e o de hai tempo…é curioso, por non decir cabreante, que de cada 100 euros que manexa o Banco Central Europeo cáseque 9 son aportados por cidadáns do estado español, é decir, o BCE traballa con cartos públicos, préstallos a grande banca a un interés do 1% e estos prestanllos aos concellos ¿a canto?, pois non se sabe…pero nestes intres parece ser que sobrepasan o 7%. Hai un momento chamamoslle ¨usura, a estas alturas xa se nos ocorren outros calificativos.

Por outra banda, o Estado obriga aos concellos a financiarse con bancos concretos (BBVA, CaixaBank, Popular, Santander ou Bankia, vaia por deus…novamente Bankia) coñecidos como ¨Sindicato de Bancos" ou "sindicato do crime"; tamén se nos ocorren outros calificativos provocando o de sempre, ganancias para a grande banca, con cartos públicos. Outras entidades como por exemplo NovaGaliciaBanco por non estar nomeada como entidade colaboradora non pode participar do ¨pastél¨.

  Que nós hoxe votemos a favor, en contra ou nos absteñamos, non vai cambiar nada. Votar a favor de algo que descoñeces, como é o tema dos xuros, é inaudito…Olé pola banca e Olé polo Goberno do Estado.

A Corporación Municipal non ten culpa disto, mais todos somos coñecedores de que hai concellos que non van a sair en moitos anos deste embrollo e décímoslles a verdade ¨Non sabemos que facer¨ séguenos a dar carraxe apoialo, ímolo facer por seguir coa congruencia que manifestamos ao principio, é un xeito de cobrar para os provedores que tiveron moita paciencia para podelo facer.

Resolucións da II asemblea nacionalista de Chantada

 Resolucións aprobadas pola Asemblea Nacionalista de Chantada constituída o día 28-4-2012 ás 17:00 horas co acordo de sometelas a ratificación na proxima xuntanza da asemblea que, estando prevista para o 12-m foi adiada polos actos previstos de conmemoración do 15-m por parte da Asemblea Popular de Chantada, e que será aberta a todas as persoas interesadas


PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 1. A asemblea nacionalista de Chantada é soberana no eido local, mas acredita en que non é incompatíbel, mais complementar, asemblearismo e democracia con organización e eficiencia.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 2. A asemblea nacionalista de Chantada resolve, unha vez constituída, elaborar e recabar formularios de afiliación para termos un censo actualizado da nosa militancia. Así, fíxase un período que abranxe os meses de abril e maio para tar efecto e nomeará un responsábel de finanzas e organización o día 12 de maio que, non será en ningún caso, unha persoa con responsabilidades institucionais ou noutros ámbitos internos do NPC. Tamén se nomeará unha coordenadora provisoria.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 3. Poderá ser militantes calquera persoa que asuma os principios organizativos e os principios políticos dos que no futuro se dote a nosa organización. Os militantes necesitarán presentarse en asemblea personalmente, consecuencia da aposta pola participación e o asemblearismo.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 4. A asemblea nacionalista de Chantada acorda estabelecer unha cota para ir creando unha caixa propia e que se axustará, en todo caso, ao que se acorde no futuro a nivel nacional, mais que é imprescindíbel no inmediato para calquera eventualidade.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 5. A asemblea nacionalista de Chantada incide na importancia de aprobeitar as canles comunicativas que ofrecen as novas tecnoloxías ou os medios locais. Por isto mesmo, as mocións serán publicitadas unha vez rexistradas e tamén se fará valoración do resultado obtida polas mesmas no pleno para evidenciar o noso xeito propio de facer política.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 6. A asemblea nacionalista de Chantada resolve que o grupo municipal elabore unha moción para instar ao Goberno á supresión da taxas municipais nas familias en que non haxa ingresos e non teñan cáseque patrimonio.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN  7. A asemblea nacionalista de Chantada acorda, perante a adversa climatoloxía e o aumento dos costes produtivos nas explotacións gandeiras, sustento tamén do pequeno comercio da vila, instar á cámara municipal a aprobar unha moción que sancione a supresión das taxas sobre o lixo, no que resta de lexislatura, ás explotacións gandeiras de leite e carne. Denunciaremos, amais, a vontade de INTA de cobrar retroactivamente (até 4 anos) esas taxas que foi freada polo Grupo nacionalista.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 8. A asemblea nacionalista de Chantada impele ao grupo municipal para que elabore unha moción condenatoria das medidas procíclicas de austeridade como suba do pago nos medicamentos, da supresión do "transporte non urxente", retirar a cobertura sanitaria aos maiores de 26 anos e migrantes, a suba do IVE, etc. aprobadas polo Goberno Rajoy. Exiximos que esa mesma progresividade que se quere exixir na sanidade se aplique a unha reforma fiscal progresiva que garantiría a viabilidade do gasto público social e, xa que logo, dunha educación e dunha sanidade universais, públicas e de calidade. [Houbo unha moción  da Plataforma pola Sanidade Pública que apresentou o Grupo Nacionalista e que ía máis ou menos neste sentido no pleno do día 7 de maio].

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 9. A Asemblea nacionalista de Chantada acorda convocar para o día 12 de maio unha asemblea aberta en que chama á participación a todos os axentes sociais e á sociedade civil da vila para estabelecer colectivamente dinámicas recíprocas de participación e comezar a elaborar mecanismos para a participación veciñal na instancia política.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 10. A asemblea nacionalista de Chantada acorda que as asembleas plurais e abertas son o único garante de que a vontade dos representados sexa a adoptada polos representantes. Tamén adoptamos como principio que unha persoa só pode ocupar un cargo organizativo e/ ou institucional.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 11: A asemblea nacionalista de Chantada acorda copromover, de acordo con outros axentes sociais, un medio de comunicación independente, crítico e aberto en formato dixital e que periodicamente pode ter edición en papel.


PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 12. A asemblea nacionalista de Chantada insta ás restantes asembleas nacionalistas da comarca para crear unha coordenadora comarcal que coordenará o traballo e problemáticas comúns comarcais á espera do proceso nacional.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 13. A asemblea nacionalista de Chantada acorda elaborar un documento con propostas sobre as funcións da coordenadora comarcal, entre as cales se incluirán:

a) Serán integrantes da mesma igual número de delegados nomeados por cada localidade.

b) As funcións da asemblea serán:

- Coordenar o traballo entre localidades así como exercer de punto de encontro e comunicación entre as distintas asembleas evitando a sobreacumulación de asembleas, inasumíbeis para a maioría dos militantes que teñen máis doado e factíbel cinxirse no nivel local.

- Executar e non deliberar os acordos locais. De acordo co punto anterior a soberanía reside na asemblea local. En todo caso a asemblea comarcal ten caráter consultivo e, por tanto, ten capacidade para propor tamén o que considerar oportuno ás asembleas de base.

- Deseñar, organizar e contribuír para o garante da correcta implementación de campañas comarcais (incluídas electorais se as houber).

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 14. A asemblea nacionalista de Chantada resolve instar a crear canles comunicativas coas outras asembleas do país para estabelecer unha comunicación recíproca que retroalimente os diferentes procesos locais e estabeleza, de común acordo, os marcos para fixar calendario e minimos necesarios para a Asemblea Constituínte dun novo proxecto común para a esquerda galega.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN 15. A asemblea nacionalista de Chantada dotarase dos medios necesarios para a difusión das súas decisións, análises e propostas, pondo especial fincapé no emprego das novas tecnoloxías para espallar o labor do Grupo Nacionalista de Chantada. Redactaranse voceiros en papel, polo menos, con periocidade trimestral para a socialización das nosas propostas e actuación de goberno.

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN final. A asemblea nacionalista de Chantada fará públicas as resolucións asembleares concernentes ao nível local, comarcal e nacional e creará as canles necesarias para a comunicación con esas instancias para participar dialecticamente no processo.

quarta-feira, 9 de maio de 2012

12-m Chantada: Ocupa a praza

Desde a Asemblea nacionalista de Chantada non podemos máis que expresar todo o noso apoio a esta iniciativa da sociedade civil chantadina.



Comunicación da Asembleia popular de Chantada
O 12M, como no resto de vilas e cidades do mundo, Chantada sairá á rúa:

 + Ás 13.30 celebrarase un xantar popular na zona do muíño-Alameda (cada asistente levará o que queira ou poida para xantar e partillar).

 + Tralo xantar faremos una taller de cartaces que ilustren o sentir popular. Podemos levar telas, cartóns, cartulinas, pinturas, paos (para soster o cartel, non para bater...) e todo canto se nos ocurra.

 + Ás 19.00 participaremos dunha concentración na praza do Cantón, na que terá lugar a lectura dun manifesto.

Algo está a pasar no Mundo, e Chantada non quere (nin debe) quedar ao marxe



Resumo do pleno do día 7 (3ªparte)




15.- MOCIÓNS URXENTES

Presentouse unha moción que rexistrou a Plataforma para á defensa sa Sanidade Pública de apoio á Iniciativa Lexislatura Popular para a Defensa da Sanidade Pública en Galiza. APROBADA POR UNANIMIDADE.

A Plataforma en Ddefensa da Sanidade Pública, en representación da Plataforma SOS Sanidade Pública está a promover unha iniciativa lexislativa popular (ILP) coa finalidade de deter a política de recortes e privatizacións da Sanidade Pública impulsada polo actual Goberno Galego e co fin de garantir o dereito constitucional á protección da saúde dos galegos e galegas.

A finalidade da proposición de Lei, presentada pola Plataforma SOS Sanidade Pública via iniciativa popular, e frear esa tendencia privatizadora mediante a defensa e promoción da sanidade pública galega como garantía para a efectividade do dereito constitucional á protección da saúde.

Esta iniciativa pretende tamén mellorar o servizo público prestado á cidadania incrementando a capacidade resolutiva en atención primaria como instrumento de achegamento dos servizos de saúde ao territorio e que terá unha grande incidencia na redución dos tempos de espera hospitalaria.

Finalmente a proposición de lei configura un sistema de xestión descentralizado territorialmente, promovendo a autonomía das áreas sanitarias, sen que isto supoña a renuncia a decisión centralizadas sobre cuestións concretas que melloren a efectividade das decisión.

Por todo esto solicitamos a adopción dos seguintes

ACORDOS:

1. Manifstar o apoio do Pleno do Concello á Iniciativa Lexislativa Popular impulsada pola Plataforma SOS Sanidade Pública e dar traslado do mesmo á presidenta do Parlamento de Galiza.

2. Animar aos vecinos e veciñas de Chantada a colaborar con esta iniciativa.

3. Instar a Xunta de Galiza e á Conselleria de Sanidade a garantir a Sanidade Pública como servizo universal, gratuito e de calidade e a manter a xestión pública e directa do Sistema de Saúde de Galiza.



16.- ROGOS E PREGUNTAS

1.- Por parte do Grupo Nacionalista pediuse un recoñecemento da Corparación Municipal á familia Capón de Vilauxe, polos premios acadadados nos diversos campionatos nos que participaron.

2.- Rexeitamento do grupo municipal naconalista á supresión do partido xudicial.

A Corporación Municipal de Chantada quere manifestar o seu máis profundo rexeitamento á medida proposta polo Consello Xeral do Poder Xudicial de reducir os partidos xudiciais da provincia, integrando a Chantada, Taboada, Carballedo, Portomarin, Palas de Rei, Antas de Ulla, Monterroso, xunto con outros da zona sul coma Monforte, O Saviñao,….nun só con sede en Lugo.

Esta proposta do CXPX, vai na liña doutra proposta que está a estudar o Ministerio de Xustiza que, coa escusa de modernizar a administración de xustiza e acadar unha mellor xestión dos recursos, vai provocar o feche de xulgados e o despedimento ou a mobilidade forzosa do persoal ao servizo da administración de xustiza.

Non é fechando xulgados e unindo partidos xudiciais como se vai conseguir unha xustiza do século XXI, nin tampouco deixando sen cubrir as prazas do persoal que está de baixa, senón investindo máis cartos e dotando os xulgados de máis medios técnicos e humanos.

Mais o que se pretende é a imposición e suba de taxas para presentar demandas, recursos…para toda a cidadanía que ten como obxectivo reducir o número de demandas e instaurar unha xustiza á medida das persoas con maior poder adquisitivo. Taxas que se fixarian entre os 500 e os 900 euros.

Por iso ante esta nova pretensión de privarnos do xulgado, a Corporación Municipal, os representantes da ¨Curia¨, os traballadores e traballadoras do xulgado e a veciñanza, co alcalde á cabeza, debe reaxir unida e reclamar o que nos levan prometendo desde hai anos e non ter que ir a Lugo para pór unha demanda. Queremos servizos públicos e querémolos en Chantada.

3.- O DOG Núm. 74. Mércores, 18 de abril de 2012 publicou a seguinte orde.

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 3 de abril de 2012 pola que se estabelecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galiza, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012 (IN519B).

 Actuacións e gastos subvencionábeis.

a) A dotación de servizos centralizados de xeración e subministración de enerxía dos que se derive un aforro con relación aos existentes no parque e que sexan eficientes desde o punto de vista enerxético consonte o estado actual da técnica.

b) Novas plantas de depuración de augas; os proxectos poderán incluír, ou ter como obxecto, os colectores con vertedura á depuradora municipal.

c) Xestión de residuos.

d) Vías de acceso a parques empresariais.

e) Instalación de sistema de seguridade e vixilancia.

A intensidade das axudas será dun 90% do importe total considerado como subvencionable e cun máximo de 120.000 euros por solicitude

Estase a facer algo neste tema?. O noso grupo considera importante que fagan algún tipo de proxecto e se presenten a estas axudas?.

Por parte do Alcalde se nos dixo que sí, que se está a traballar no tema.

terça-feira, 8 de maio de 2012

Resumo do pleno do día 7 (2ª parte)



14.- MOCIÓNS:

Grupo Nacionalista:

1.- Contra o decreto 99/2012 de Regulación e Financiamento dos Servizos Sociais. [Xa foi publicada neste blogue].

ARGUMENTOS:

O decreto estabelece que as Deputacións terán que prestar axuda económica e técnica aos concellos de menos de 20.000 habitantes. Non obstante, non as obriga con cantidades nin porcentaxes. En cambio obriga aos concellos. a aumentar o 20% para os concellos de menos de 20.000 habitantes, o 25% para os de 20.000 até 60.000 e o 33% para os de 60.000 ou máis habitantes.

O que se pretende con este decreto é trasladarlle aos concellos unha competencia, facer unha descentralización administrativa, pero sen financiamento, onde a Xunta de Galiza abdica das súas competencias para impoñerlle aos Concellos que poñan a disposición da Xunta as dependencias municipais, asumindo todos os custes, a xestión de todos os sistemas informáticos e as horas de traballo do persoal do Concello, para facerse cargo do Servizo de Axuda no Fogar Básico.

A Xunta de Galiza debe asumir as súas competencias e garantir uns servizos sociais comunitarios acorde coas necesidades da poboación. Se non se fai así as consecuencias van a ser moi graves. En primeiro lugar para as persoas usuarias do servizo, en segundo lugar para as xa depauperadas arcas municipais e para os traballadores e traballadoras que realizan este servizo xa que perderán o seu emprego, pasando a incrementar a alta taxa de desemprego existente.

O decreto incrementa o copago notablemente aos servizos sociais básicos. Un recorte drástico do 47 por cento nos recursos da Xunta a servizos sociais comunitarios e o Plano Concertado, con relación ao ano pasado.

Os galegos que teñan ingresos superiores aos 532 euros terán que pagar os servizos da dependencia. Así por exemplo, unha persoa cunha renda de 1.251 euros que precise de 90 horas de atención, que estaba a pagar 183 euros, agora terá que pagar 316.

Os novos baremos resultan “fondamente inxustos” porque obrigan ao usuario a financiar unha maior parte dos custes en función da porcentaxe de dependencia determinada. Así, unha persoa cunha dependencia lixeira e que perciba 540 euros mensuais, terá que contribuír co 6,56 por cento do custe, pero si se trata dunha dependencia severa terá que abonar o 18,09 por cento.

A Xunta ven de reducir nun 47 por cento as partidas destinadas ao Plan Concertado e os Servizos Sociais comunitarios, pasando de 23,5 millóns de euros en 2011 aos 12,4 dos orzamentos de 2012.

A Xunta non está a asumir as súas obrigas para o desenvolvemento da Lei de Apoio á Autonomía, o goberno galego transfire aos concellos galegos 9,7 euros por hora de atención prestada, cando o custe de cada hora prestada pola aplicación da Lei de Apoio á Dependencia é de 14,51 euros. O novo decreto empeorará a situación por canto reducirá aínda mais as transferencias a uns concellos que xa estaban a ter moitas dificultades para desenvolver as súas obrigas.

A Xunta ten reducido as transferencias precisamente no momento de mais dificultades para moitas persoas, o que suporá “unha peor atención e para menos persoas”. Estas carencias coinciden coa falla de transparencia do Goberno galego, que tardará un ano en publicar as transferencias feitas aos concellos.

APROBADA POR UNANIMIDADE.

2.- Sobre a quincuaxésima celebración do Día das Letras Galegas. [Xa publicada neste blogue]

APROBADA POR UNANIMIDADE




RESUMO. Pleno 7 de maio 2012



01.- Aprobáronse as actas das sesións do 5, 14 e 29 de marzo.

02.- Deuse conta dos decretos da Alcaldía.

03.- Deuse conta do informe de morosidade do Concello de Chantada. Nos vindeiros días publicaremos un estracto deste informe…

04.- Deuse conta do abandono dos tres concelleiros do BNG de Chantada.

05.- Aprobouse, con cinco votos a favor (INTA), 5 en contra (3 do grupo nacionalista e 2 do PSOE) e duas abstencións do PP (faltou un concelleiro deste grupo), a dedicación exclusiva do Alcalde:

1.850 euros netos ao mes. 14 pagas. 955,84 euros de Seguridade Social.

En total, o salario do Alcalde acada os 3.472 euros brutos ao mes
.

O voto de calidade do Alcalde e a abstención do PP fixo posíbel esta aprobación.




06.- Aprobouse, con 7 votos a favor (5 de INTA e 2 do PP) e 5 abstencións (3 do grupo nacionalista e 2 do PSOE), que o representante do Concello de Chantada no Consorcio Turístico da Ribeira Sacra sexa  Manuel Lorenzo Varela Rodríguez (o Alcalde).

07.- Aprobouse por unanimidade que as sesión plenarias pasen a celebrarse cada dous meses, como xa propuxera o grupo nacionalista cando se aprobou o plano de axuste no Concello. Os plenos celebraranse os meses pares e os impares haberá Xunta de Portavoces.

08.- Aprobouse por unanimidade o inicio dun expediente de investigación sobre a titularidade dun camino en Mundín, Vilauxe.

09.- Resolveuse por unanimidade o recurso de reposición, denegáronse as alegacións, contra acordo plenario de día 12 de setembro de 2011, para facer un cambio de trazado nun camiño en Xillán, Requeixo.

10.- Aprobouse por unanimidade a modificación das bases de execución do orzamento para engadir un novo punto relativo as cesións de crédito (endoso de facturas a entidades bancarias). Nos vindeiros días publicaremos un estracto deste informe…

11-12.- Aprobouse, por unanimidade, o recoñecemento extraxudicial de 5 facturas de Aquagest e as asignacións pendentes aos grupos políticos.

13.- Por via de urxencia, o Goberno Municipal, engadiu para aprobación e posterior envio á Xunta de Galiza, o orzamento do Plano Concertado de Servizos Sociais. A totalidade do custo deste servizo ascende a 344.947,51 euros, a aportación do Concello é de 58.532 euros. Este é un requisito, o paso polo Pleno, que hai que facer para poder optar ás axudas da Xunta. Vanse pedir para 2 Traballadores/as Sociais (un/unha a xornada completa e outro/a a ½ xornada); un/unha educador/a familiar; un/unha auxiliar administrativo; 5 traballadores/as para o Servizo de Axuda no Fogar básico e 11 traballadores/as para Dependencia. Aprobouse por unanimidade.


quarta-feira, 2 de maio de 2012

Desemprego na comarca de Chantada

Dúas mocións do Grupo Nacionalista para o pleno do día 7

1.- Moción lingua
O Día das Letras Galegas foi, dende a súa creación no ano 1963, un símbolo da reivindicación da nosa lingua a da súa normalización. A data inscribiuse nunha dinámica constante de acción social polo uso pleno do galego e a reclamación dos nosos dereitos lingüísticos.

Durante décadas, a sociedade galega, a través do seu tecido asociativo, foi desenvolvendo de xeito permanente ao longo do ano esa reivindicación e celebrando cada 17 de maio a data do Día das Letras que agora acada a quincuaxésima edición.

Para conmemorar os 50 anos desta emblemática celebración, prepoñemos que o Concello de CHANTADA

1.- Subscriba e espalle a adxunta declaración de apoio á nosa lingua, apelando dos medios a súa reprodución literal en galego.

2.- Garanta que no seu ámbito municipal os cidadáns poidan recibir toda a documentación e seren atendidos oralmente e por escrito en lingua galega.

3.- Asegure a completa sinalización viaria, os indicadores de orientación e os topónimos do municipio en galego.

4.- Reclame dos gobernos estatal e galego o debido apoio e respecto para o noso idioma, esixindo o cese das medidas discriminatorias e de secundarización que lamentablemente son frecuentes.

  5.- Chame á cidadanía galega a defender e transmitir a lingua propia, expresión máxima da nosa identidade e aportación de primeiro orde á cultura universal por parte do pobo galego que a mantén con agarimo e orgullo dende hai séculos .

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO CONCELLO DE CHANTADA PERANTE A QUINCUAXÉSIMA CELEBRACIÓN DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS

O Día das Letras Galegas foi, dende a súa creación no ano 1963, un símbolo da reivindicación da nosa lingua e da súa normalización. A data inscribiuse nunha dinámica constante de acción social polo uso pleno do galego e a reclamación dos nosos dereitos lingüísticos,

Durante décadas, a sociedade galega, a través do seu tecido asociativo, foi desenvolvendo de xeito permanente ao longo do ano esa reivindicación e celebrando cada 17 de maio a data do Día das Letras que agora acada a quincuaxésima edición.

En conmemoración dos cincuenta anos desta emblemática celebración, o Concello de aproba a presente declaración institucional :



1.- O Concello de Chantada reafirma públicamente o seu compromiso en defensa da lingua galega obrigándose ao seu emprego normalizado no ámbito da súa administración.

2.- O Concello de Chantada adoptará as medidas necesarias para garantir que os cidadáns poidan recibir toda a documentación municipal e seren atendidos oralmente e por escrito en lingua galega.

3.- O Concello de Chantada asegurará a completa sinalización viaria, os indicadores de orientación e os topónimos do municipio en galego.

4.- O Concello de Chantada reclama dos gobernos estatal e galego o debido apoio e respecto para o noso idioma, esixindo o cese das medidas discriminatorias e de secundarización que lamentablemente son frecuentes.

  5.- O Concello de Chantada chama á cidadanía galega a defender e transmitir a lingua propia, expresión máxima da nosa identidade e aportación de primeiro orde á cultura universal por parte do pobo galego que a mantén con agarimo e orgullo dende hai séculos .

Maio de 2012


2.- MOCIÓN DO GRUPO NACIONALISTA CONTRA O DECRETO 99/2012 de Regulación e Financiamento dos Servizos Sociais.

A Xunta de Galiza vén de facer público no DOG do 30 de marzo, por medio do Decreto 99/2012 de 16 de marzo, que quedan excluídos da axuda pública por parte da Administración Autonómica os servizos de axuda no fogar en todos aqueles concellos menores de 20.000 habitantes, o que significa que o Concello terá que financiar con fondos propios, ou via Deputación o servizo de axuda no fogar.

Un auténtico escándalo que a Xunta de Galiza se desentenda absolutamente do que é a atención aos maiores, nos concellos pequenos e medianos xa que a decisión que recolle o DOG no artigo 47 do Real Decreto 99/2012 de 16 de marzo, deixa sen posibilidade de cobertura a moitas persoas, vai provocar perda directa de emprego e non ten en conta para nada a concellos, como o de Chantada, que concentra unha maior porcentaxe de poboación maior de 65 anos. Non é de recibo que un servizo que a día de hoxe era financiado basicamente coas achegas que efectuaba a Deputación e a Xunta se quede sen o respaldo económico, posto que a retirada de dotación orzamentaria por parte da Xunta, vai facer máis custoso a prestazón do servizo.

Esta decisión vai facer que o custe deste servizo se incremente, nun momento no que o goberno do Estado obrigou a aprobar un plan de axuste, que sí ben en Chantada, non se van facer recurtes neste campo, non sabemos se con esta decisión da Xunta de Galiza, se verá abocado a facer.

Non nos van dar a razón, sabémolo, pero non podemos ficar parados, tranquilos nen calados ante o que se pode definir como unha nova bofetada ao sistema de benestar do Concello en particular e de todo o País en xeral. Que vai pasar cos cáseque 60 usuarios do servizo de axuda no fogar de libre concorrencia e as 13 traballadoras do servizo?. Pouco lles deben de importar á vista destas decisións…coma sempre….Nen sequera lles importa que podan ser acusados de deixación de funcións ao obrigar aos Concellos a asumir un servizo que é obrigado que se faga desde o estado ou desde a Comunidade Autónoma. Unha prédica no deserto, coma sempre…

Xa o comentamos nalgunha outra ocasión, para este ano, e para acabar cos servizos sociais nos concellos veñen de reducir cáseque a metade o diñeiro de 2009 para o Plan Concertado (20 millóns no 2009 e 12.4 millóns para o 2012). No servizo de axuda no fogar enmascaran co anuncio dun aumento de 23 a 30 millóns, a eliminación de 9 millóns do cheque asistencial e a eliminación de 7.4 millóns do Programa Comunitario de Servizos Sociais, o que supón preto de 7 millóns menos, estrangulando así aos concellos e ás persoas que utilizan os servizos sociais.

Os gobernantes da Xunta xa nen sequera disimulan, estamos ante un decreto que vai unha vez máis contra os concellos, contra dos máis febles e unha vez máis plegándose ante os poderosos e pasando absolutamente da calidade destes servizos. Como pensan que se pode levar a cabo estas iniciativas con tamaña decisión?, como cren que Chantada, un concello afectado, xa que non chegamos aos 20.000 habitantes como fala o decreto, pode dar este servizo?. Non ven, que Chantada, como outros concellos, xa conta con eses cartos para dar o servizo. Unha vez máis haberá que asumilos, Non cren que un xeito de aumentar a débeda, a culpa de quen é?. Retiren a careta, acheguen algo de sentido común, pensen nos maiores e non na tan manida austeridade. Se os defenderán máis e os escoitaran máis a miudo, seguro que aprenderíamos cada día un pouco máis.

Tamén queremos amosar o noso ¨desgusto¨ porque unha vez máis é desde un grupo da oposición e non desde o goberno municipal que se faga este tipo de iniciativas, parece que vivirán noutro mundo. Que están a facer?

Por todo isto, o Grupo Nacionalista de Chantada quere propoñer ao Pleno para á súa aprobación o seguinte

ACORDO:

Dirixirse a Xunta de Galiza pedindo á retirada do Real Decreto 99/2012 e que se abra unha liña de diálogo co conxunto dos concellos galegos, nomeadamente aqueles menores de 20.000 habitantes, a fin de que a administración autonómica siga garantindo fondos para o mantemento destes servizos.




Moción do Grupo Nacionalista en defensa do galego